O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela levou a cabo durante este ano 2022 a catalogación da serie de Expedientes de solicitude para a concesión de sepultura eclesiástica grazas ás Axudas para actuacións en materia de arquivos (CT130A) do presente ano 2022, convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Trátase dos expedientes tramitados para a concesión de sepultura pola Igrexa católica en función da lexislación eclesiástica de cada momento (Ritual Romano, cap. II, Tít. VI; Concilio Provincial Compostelán de 1887, tít. VI, cap. VII; Circulares do Arcebispado do 20 de xuño de 1894, 25 de xuño de 1896 e 26 de marzo de 1907; Constitucións Sinodiales de 1891, const. 316; Constitucións Sinodiales de 1909, const. 322 e Código de Dereito Canónico de 1917, cns. 1239-1240) e conservados no Fondo Xeral do Arcebispado de Santiago.
A documentación descrita ten un volume de 11 metros lineais e contén 10.000 expedientes entre os anos 1907 e 1939. O AHDS envorcou a descrición destes expedientes na plataforma de xestión dos centros integrados en o Sistema de Arquivos de Galicia que proporciona datos recolectables a Galiciana. Para acceder siga esta ligazón.