O AHDS ten como unha das súas funcións institucionais prioritarias garantir a conservación e custodia do patrimonio documental da Diocese de Santiago de Compostela.  Foi por iso que cando o pasado día 12 de agosto persoal do arquivo foi advertido da venda na internet dun libro sacramental de defuntos da parroquia de San Pedro de Herbogo, inmediatamente puxo o feito en coñecemento da Policía Nacional a través dunha denuncia.

 Tras unha dilixente investigación e un operativo que coordinaron as comisarías de Santiago de Compostela e Sabadell o manuscrito foi recuperado.

O pasado 26 de outubro  o comisario xefe Cástor Vázquez  da comisaría da de Policía Nacional en Santiago de Compostela e o subinspector José A. Vázquez da comisaría da Policía Nacional en Sabadell fixeron entrega ao director do Arquivo Mons. Salvador Domato do desaparecido libro de defuntos da parroquia de San Pedro de Herbogo que contén as actas de defunción entre os anos 1786  e 1856.

O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela e o seu persoal queren agradecer toda a profesionalidade, dedicación, dilixencia, esmero e bo facer que o Corpo Nacional de Policía mostrou neste caso. Queremos recoñecer especialmente a amabilidade e empeño postos polo comisario xefe Cástor Vázquez así como a de toda a dotación da comisaría de Santiago de Compostela.  Tamén queremos corresponder á cordialidade e entusiasmo do inspector César García.

Estiveron presentes no acto de entrega o Vicechanceler e Moderador de Curia Ilmo. Sr. Manuel Jesús Formoso Fernández e o xuíz diocesano Ilmo. Sr. D. Víctor Suárez Gondar.