Historia

O 1 de abril de 1975, o Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Anxo Suquia Goicoechea, decretou a creación do Arquivo Histórico Diocesano en dependencias do edificio de San Martiño Pinario, sede do Seminario Maior, onde serían instalados, ordenados e custodiados algúns dos fondos documentais máis importantes, nos que se condensa a memoria e a historia da diocese compostelá.

No Decreto de creación indicábanse con detalle estes fondos:

  • Arquivo chamado de Palacio.
  • Arquivo do Provisorato.
  • Arquivo de Secretaría de Cámara e Chancelería Arcebispal.
  • Arquivo da Vigairía Xeral.
  • Arquivo da extinguida Vigairía de Pastoral.
  • Arquivos parroquiais anteriores ao ano 1900.
  • Arquivos dos demais órganos de goberno diocesanos.

O seu primeiro director, D. Salvador Domato Búa, grazas á axuda inestimable de diversas institucións, especialmente a Fundación Pedro Barrié de la Maza, dotou aos espazos reservados para o Arquivo dos instrumentos e estruturas necesarios para o desenvolvemento da súa labor arquivística. Desde o primeiro momento contouse cunha sala de consulta capaz e cómoda, un gran depósito para os fondos, medidas de seguridade e de conservación da documentación, etc. E coa colaboración e o bo facer de moitos universitarios, investigadores e voluntarios levou a cabo unha inxente tarefa de limpeza, inventariado e catalogación dos documentos, dando lugar aos milleiros de fichas que aínda hoxe enchen os ficheiros da actual sala de consulta.

No ano 1977, publicouse un primeiro inventario do Fondo Xeral, baseado no traballo de ordenamento realizado nos anos 20 por D. Pablo Pérez Constanti e na súa posterior redacción de 1943 de D. Salustiano Portela Pazos. En apéndice engadíanse abundantes intercalaciones froito do traballo realizado até aquela data.

Naquela mesma época, para axuda e información dos investigadores, publicouse igualmente unha Guía sobre o Arquivo Histórico Diocesano e o Arquivo da Catedral.

Entre os anos 1990-1994, con motivo da creación do Museo Diocesano e a remodelación da parte dereita do claustro procesional de San Martiño Pinario, e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, creáronse as novas instalacións do Arquivo Histórico Diocesano, inauguradas o 8 de outubro de 1994 polo Sr. Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Antonio Rouco Varela.

No ano 2000, editouse unha nova edición da descrición do Fondo Xeral, mellorando a súa estrutura e sistematización, corrixindo algúns erros de datación ou identificación e engadindo nos seus lugares respectivos toda a documentación incorporada ao longo dos últimos anos. Nesta tarefa, o Arquivo Histórico Diocesano, obra de servizo da Igrexa católica, é debedor de múltiples persoas e corporacións entre as cales deberá destacarse ao Prof. Dr. D. Manuel Lucas Alvarez, á Fundación Barrié de la Maza, á Xunta de Galicia e non en último lugar á Deputación Provincial da Coruña.

No Arquivo Histórico Diocesano, continúase traballando, por unha banda, na tarefa de recuperar, poñer a salvo e inventariar todo o acervo documental da diocese, especialmente, a documentación parroquial, e, por outra, na descrición máis precisa da documentación existente no Arquivo, en orde a facilitar o traballo e o acceso dos investigadores a ela.

O Edificio

O edificio foi mosteiro benedictino até 1835, ano en que os 150 monxes que entón o habitaban tiveron que abandonalo, debido ás leis de exclaustración e desamortización do goberno de Mendizábal.

No ano 1866, mediante unha permuta co Goberno, o Arcebispo García Cuesta comeza o traslado do Seminario Conciliar dos edificios de San Clemente a San Martiño Pinario; aos poucos o Seminario vaise facendo coas diversas partes do edificio, até ocupalo na súa totalidade no ano 1890.

Actualmente, o edificio alberga, ademais do Seminario Maior, diversas institucións da diocese de Santiago de Compostela:

  • Instituto Teolóxico Compostelán.
  • Biblioteca de Estudos Teolóxicos de Galicia.
  • Vigairía Episcopal de Ensinanza e Catequese.
  • Delegación de Pastoral Universitaria.
  • Delegación de Pastoral Vocacional.
  • Escola Universitaria do Traballo Social (adscrita á Universidade de Santiago de Compostela).
  • Espazo Cultural San Martiño Pinario.
  • Libraría Egeria.
  • Arquivo Histórico Diocesano.

O Arquivo Histórico Diocesano ocupa o piso alto da parte dereita da fachada e do claustro procesional do Mosteiro de San Martiño Pinario, nas antigas dependencias do salón de actos e capela do Seminario Maior.