O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (AHDS), grazas ao programa FO200 de subvencións a fundacións e entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, lanza un innovador proxecto cultural para difundir parte da súa colección fotográfica. Este proxecto céntrase na colección do Prof. Salvador Ares Espada, composta por máis de 35.000 negativos. Co apoio da Deputación da Coruña, o AHDS reforza o seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio galego, consolidando esta iniciativa como unha ferramenta clave para preservar e compartir a memoria visual da Diocese de Santiago de Compostela.

Topoteca Compostelá é unha plataforma web que permite descubrir e explorar o patrimonio eclesiástico da Diocese de Santiago de Compostela a través dun buscador intuitivo e dun mapa interactivo. Nela xeolocalízanse fotografías  de igrexas, monumentos e outros tesouros, xunto con retratos e escenas que capturan a riqueza cultural da Diocese. Trátase dunha ferramenta única para conectar o pasado e o presente nun só clic.

Por que Topoteca Compostelá?

O nome Topoteca Compostelá reflicte perfectamente o propósito desta web. “Topo” fai referencia ao lugar, á xeolocalización das fotografías no mapa, mentres que “teca” alude a unha colección ou arquivo organizado. Ao engadir “Compostelá”, destacamos a conexión co territorio da Diocese de Santiago de Compostela. Esta plataforma nace como un arquivo visual accesible, onde patrimonio e memoria colectiva se unen a través das imaxes xeolocalizadas.

ACCESO AO BUSCADOR

As imaxes desta edición son propiedade do Arcebispado de Santiago; polo que se precisa do seu permiso para a súa utilización. Estas imaxes son utilizadas con fines culturais, científicos e históricos. A imaxen das persoas reflectidas nas mesmas é accesoria en relación ao feito relevante do que pretende informar a fotografía. O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela non persegue perxudicar a terceiros nin obter beneficios económicos con esta edición. As imaxes da presente edición non serán divulgadas en sitios web. Se algunha persoa se recoñece ou recoñece a algunha das persoas fotografadas pode contactar co delegado de protección de datos do Arcebispado de Santiago de Compostela (delegadopd@archicompostela.es) co fin de exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade (cando correspondan).