O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela anuncia a publicación do primeiro número de MAC – Miscelánea Archivística Compostelana, unha revista dixital de periodicidade semestral dedicada ás fontes documentais, á investigación e aos traballos vinculados co Arquivo, entendidos como expresión cultural e científica deste centro.
MAC acolle estudos de arquivística, de historia —en calquera das súas ramas— e de historia da Igrexa e das súas institucións, así como outros traballos que dialogan co ámbito investigador propio do Arquivo.
Con esta nova publicación, o Arquivo reforza o seu compromiso coa difusión do patrimonio documental e coa investigación histórica e arquivística, ofrecendo un espazo aberto ao intercambio de coñecemento e á divulgación científica.
A revista nace tamén coa vontade de invitar á comunidade investigadora, aos profesionais dos arquivos e ás persoas interesadas no patrimonio documental a participar con achegas e traballos orixinais nos vindeiros números.





