Durante os días 17 e 18 de xuño, persoal do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela desenvolveu unha acción formativa no Mosteiro de Santa María de Belvís, destinada a mellorar as condicións de conservación e organización do seu arquivo histórico.
Esta actuación de asesoramento e formación desenvolveuse no arquivo do Mosteiro de Santa María de Belvís, en colaboración coa comunidade de Madres Dominicas.
A actividade, levada a cabo polo Director do Arquivo Histórico Diocesano e polo Técnico de Conservación e Restauración do centro, tivo como obxectivo proporcionar formación práctica á irmá responsable do arquivo en materia de conservación preventiva, elaboración de carpetas e caixas de conservación, así como en aspectos básicos de organización e descrición arquivística.

Durante as sesións de traballo presentáronse ademais diversas propostas orientadas a facilitar a futura xestión do arquivo conventual, entre elas un cadro de clasificación adaptado aos seus fondos documentais e recomendacións para a elaboración de instrumentos de descrición que permitan mellorar o control e a localización da documentación.
O Arquivo Histórico Diocesano facilitou tamén os materiais e ferramentas necesarios para a realización das prácticas, co fin de que a comunidade poida continuar de maneira autónoma os traballos de instalación e protección do seu patrimonio documental.
Esta actuación enmárcase dentro do labor de asesoramento técnico que o Arquivo Histórico Diocesano presta como servizo diocesano, contribuíndo á conservación, organización e difusión dun patrimonio documental común de grande valor histórico e cultural.
A visita permitiu comprobar non só o excelente estado de conservación do seu patrimonio documental, senón tamén a calidade doutro patrimonio igualmente apreciado: as coñecidas pastas elaboradas artesanalmente polas Madres Dominicas. Tras a obrigada degustación por parte do equipo do Arquivo, podemos afirmar que ben merecen unha visita ao mosteiro.
O Arquivo Histórico Diocesano agradece á comunidade de Santa María de Belvís a súa acollida, colaboración e interese pola preservación da memoria documental do mosteiro.





