Dende que o pasado 19 de agosto de 2023 a comunidade de Carmelitas Descalzas de Santiago anunciase o cese da súa fundación en Compostela, comezouse a traballar para que a vida relixiosa teña continuidade no actual mosteiro, pero tamén para que o rico patrimonio atesourado pola congregación fose salvagardado.
O Convento Carmelita e o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela asinaron o pasado día 21 de febreiro o acordo de depósito facendo tamén entrega oficial de todo o seu fondo documental. Este depósito representa o compromiso da Comunidade Carmelita coa preservación e accesibilidade do seu inestimable legado para as xeracións presentes e futuras.
A xénesis dun arquivo sementease no funcionamento dunha institución, xa que como dicía Elio Lodolini o arquivo nace espontaneamente, como sedimentación documental dunha actividade práctica, administrativa e xurídica. Esta afirmación cobra especial sentido cando falamos do fondo carmelita, pois a acumulación documental comeza coa fundación do convento no ano 1748 e chega de forma ininterrumpida ata estes últimos días da comunidade, destacando pola integridade e permanencia do seu contido histórico ao non sufrir os estragos das desamortizacións ou outros desastres que puideran mutilalo ou afectar ao seu estado de conservación.
O fondo documental do convento de Carmelitas é unha colección completa e meticulosamente conservada que abrangue máis de 22 metros lineais de documentos, incluíndo variedade de materiais desde os primeiros días da fundación do mosteiro.
Entre os elementos destacados atópanse os oito libros de coro ou cantorais manuscritos e miniados de gran formato para a oración cantada da liturxia, así como unha colección de placas fotográficas de vidro que capturan momentos significativos da vida monástica ao longo dos anos.
Quizais a parte máis importante deste fondo sexa a documentación referente á Nai María Antonia de Xesús, fundadora do Carmelo de Santiago de Compostela e declarada Venerable polo Papa Francisco no ano 2018.
A Nai María Antonia, coñecida como “a monxa do Penedo” é considerada a primeira mística galega. O insigne teólogo D. Eugenio Romero Pose dicía dela que na historia cristiá hispánica é unha muller parangonable, pola súa vivencia cristiá, a Egeria e a Santa Teresa. O fondo contén os manuscritos da Nai María Antonia, cunha prosa espontánea, dun fraseo vivaz, que eleva a súa obra ata Santa Teresa de Xesús e San Xoán da Cruz.
O Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, comprometido coa preservación e difusión do patrimonio documental da Diocese compostelá, traballa para que este valioso fondo estea dispoñible para a consulta do público en xeral. Levaranse a cabo os procedementos necesarios para organizar, catalogar e dixitalizar estes documentos co obxectivo de facelos accesibles o antes posible.
A apertura deste arquivo representa unha oportunidade única para explorar e mergullarse na rica herencia do Carmelo compostelán, fomentando un maior entendemento e aprecio pola vida monástica e o seu impacto na sociedade ao longo dos séculos.