Mercé ó programa de subvencións da Excma. Deputación da Coruña FO200/2021 o arquivo está a catalogar durante este  ano 2021 a biblioteca persoal do profesor Manuel Lucas Álvarez doada a esta biblioteca e arquivo polo propio catedrático.

  Convén lembrar a traxectoria deste historiador e político compostelán: foi director do colexio maior “Rodríguez Cadarso”, secretario xeral da USC (1961-1968), vicerreitor (1968-1974) e reitor (1974-1975). Foi concelleiro e primeiro tenente de alcalde de Santiago de Compostela (1955-1961) e deputado provincial (1958-1963). Presidente do Consello de Administración da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Santiago (1964-1980). Tamén presidiu a Federación de Caixas de Aforro de Galicia (1965-1980) e foi vicepresidente de Caixa Galicia. Así mesmo foi membro correspondente da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e do Instituto de Estudios Jacobeos. Tamén formou parte do consello asesor da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.

  A súa biblioteca abrangue unha grande variedade temática, aínda que medrou arredor do seu perfil profesional como investigador e docente, nos eidos da paleografía e da diplomática.