Ao longo de 2026 desenvolvéronse traballos de catalogación e conservación preventiva que permitiron describir 4.016 expedientes pertencentes a once series documentais e incorporar as súas descricións á plataforma Galiciana.

Ao longo deste ano 2026, o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela levou a cabo un proxecto de tratamento, organización e catalogación de documentación histórica relacionada coa tramitación de asuntos matrimoniais no ámbito do Arcebispado de Santiago de Compostela.

Os traballos permitiron catalogar un total de 4.016 expedientes, con datas comprendidas entre 1731 e 1898, pertencentes a once series documentais do fondo do Provisorato compostelán. Entre elas figuran os expedientes de dispensa de parentesco, de proclamas e de impedimentos matrimoniais, os de liberdade e solteiría, os expedientes matrimoniais propiamente ditos e outras series vinculadas á actividade administrativa e xudicial eclesiástica.

Ademais dos traballos de identificación e descrición arquivística, desenvolvéronse actuacións de conservación preventiva que incluíron a limpeza superficial, a ordenación dos expedientes, a retirada de elementos prexudiciais, a substitución de carpetillas e a súa instalación en caixas de arquivo. Estas intervencións realizáronse seguindo os criterios establecidos polo persoal técnico de conservación do Arquivo.

A catalogación efectuouse mediante unha base de datos propia, conforme aos criterios da norma internacional de descrición arquivística ISAD(G). As descricións resultantes incorporáronse posteriormente á plataforma Galiciana, facilitando a identificación e localización da documentación por parte dos investigadores.

Unha fonte para coñecer a sociedade do pasado

Os expedientes matrimoniais e a documentación relacionada coa súa tramitación constitúen unha fonte de especial interese para o estudo da historia social, da familia, das relacións de parentesco, da mobilidade xeográfica e da administración eclesiástica.

A súa catalogación permite coñecer mellor o funcionamento das institucións encargadas de tramitar estes asuntos e abre novas posibilidades de investigación sobre a sociedade galega dos séculos XVIII e XIX.

Coa finalización deste proxecto, o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela continúa avanzando na súa tarefa de conservar, organizar, describir e difundir o patrimonio documental que custodia, favorecendo o seu coñecemento e acceso para a investigación histórica.


Este proxecto contou co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Subdirección Xeral de Arquivos e Centros Museísticos, Servizo do Sistema de Arquivos, ao abeiro das axudas destinadas ao financiamento de actuacións en materia de arquivos, convocadas mediante a Orde do 3 de decembro de 2025 para o ano 2026 (procedemento CT130A).