NORMATIVA DE ACCESO, CONSULTA E REPRODUCIÓN
Os fondos documentais deste Arquivo son parte integrante do patrimonio histórico-documental da Igrexa católica e a Diocese de Santiago de Compostela en particular.
É responsabilidade da Igrexa dispoñer as necesarias cautelas que garantan a conservación e adecuada investigación, tanto dos arquivos ou fondos documentais de orixe eclesiástica como de calquera outro orixe confiados á custodia deste centro.
O acceso ao Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (AHDS) é PÚBLICO, pero, debido a que a súa TITULARIDADE É PRIVADA, corresponde ao Arquiveiro, por encargo da autoridade diocesana, tutelar este centro documental. É o responsable do uso que se faga de toda esta documentación e da súa conservación.
NORMATIVA DE ACCESO E CONSULTA
- O ARQUIVO HISTÓRICO DIOCESANO DE SANTIAGO (AHDS) É UNHA INSTITUCIÓN DE CARÁCTER PRIVADO, QUE SE RESERVA O DEREITO DE ADMISIÓN.
- Todo usuario deberá acreditar a súa identidade para acceder aos servizos do Arquivo mediante o DNI ou documento equivalente. A aquelas persoas que vaian utilizar o Arquivo abriráselles unha Ficha de Usuario onde quedarán rexistradas todas as peticións de documentación. Toda esta información forma parte da memoria interna do Arquivo. Ao tratarse de datos de carácter persoal, están sometidos á Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persuais e garantía dos dereitos dixitais.
- Os usuarios traballarán na Sala de Consulta. Sendo este espazo limitado a 10 usuarios, non se recibirán máis usuarios dos que admita a sala. O acceso ao depósito ou ás salas contiguas queda reservado ao persoal do Arquivo.
- Non está permitido o acceso á Sala de Consulta con bolsos, maletíns, carteiras ou outros obxectos persoais voluminosos, debendo utilizar as TAQUILLAS habilitadas para tal fin.
- Non está permitido fumar nin introducir alimentos e/ou bebidas.
- NON ESTÁ PERMITIDO o uso de cámaras fotográficas, de vídeo ou móbiles en modo fotográfico dentro da Sala de Consulta, nin para reproducir documentos nin para fotografar instalacións e/ou equipamento.
- Por respecto ao resto de usuarios, debe gardarse absoluto silencio. Os teléfonos móbiles deberán estar apagados ou en modo silencio, e as chamadas contestaranse fóra da Sala para non molestar a outros usuarios.
- Está permitida a introdución de portátiles na Sala de Consulta sempre que non contraveñan o punto 6. O uso de escáner queda prohibido.
- O acceso á consulta de fondos e instrumentos de descrición do AHDS é GRATUÍTO.
- A solicitude de documentos realizarase cumprimentando correctamente e con claridade a papeleta de pedido.
- A consulta queda limitada a 6 documentos ou unidades de instalación por día e por investigador.
- O número de unidades arquivísticas orixinais non excederá de tres por petición; salvo que se trate de documentos soltos, nese caso o límite será dunha unidade por investigador.
- Deixarase de servir documentación 15 minutos antes do peche do Arquivo.
- Téñase en conta que todo documento é único. Os documentos requiren atencións especiais debido á vulnerabilidade dos materiais, ao paso do tempo, ao estado do soporte, ás condicións da tinta, á encadernación ou ás cubertas e, por outra banda, ao seu manexo. Por este motivo:
-
- Non se colocará sobre o documento o papel onde se escribe.
- Non se apoiarán sobre el os brazos nin as mans.
- Para volver as follas ou manipular o documento, actuarase coa debida precaución.
- Está prohibido deixar papeis ou calquera tipo de marcadores no interior dos documentos.
- Se se está a consultar o contido dun legaxo de documentos soltos, nunca se alterará a orde das follas nin dos fascículos.
- instrumento apropiado e autorizado para tomar apuntes será o lapis. Queda, polo tanto, prohibido o uso de bolígrafo, pluma ou rotulador mentres se traballa ou investiga na Sala.
- Atenderanse en todo momento as instrucións dos Responsables de Sala. A documentación só será facilitada cando o seu estado de conservación o permita e, ademais, non estea suxeita ás limitacións de acceso establecidas polo Regulamento de Arquivos Eclesiásticos Españois ou, de ser o caso, pola lexislación civil.
- Se se observara calquera acción que poida prexudicar a conservación do documento, procederase de inmediato á súa retirada e denegarase o acceso futuro ao investigador responsable.
- Calquera outra eventualidade será avaliada polo Arquiveiro.
- Poderán consultarse cantos libros de referencia da BIBLIOTECA AUXILIAR se desexen, sen necesidade de solicitude previa, agás aqueles que non se atopen na Sala de Consulta. Estes solicitaranse a través da papeleta de pedido. Unha vez utilizados, deberán ser colocados no seu lugar ou devoltos ao persoal.
- Os documentos depositados no Arquivo, así como os libros de referencia, non serán cedidos nin abandonarán a Sala de Consulta, salvo casos excepcionais. Nesas ocasións, só poderán ser cedidos, se a autoridade competente así o estima, polo tempo estritamente necesario, baixo as debidas cautelas e contando cunha póliza de seguros acorde co valor do documento.
NORMATIVA REPROGRáFICA XERAL
- Por motivos de conservación dos fondos documentais, nunca se realizarán fotocopias nin escaneado directamente dos orixinais debido ao seu alto impacto lumínico. Só se poderán dixitalizar mediante métodos que garantan a súa conservación.
- As reproducións dixitais dos documentos poderán solicitarse mediante o formulario facilitado polo persoal do Arquivo. Este debe cubrirse de maneira clara e lexible, indicando os datos exactos do documento a reproducir para a súa localización, e poderá requirirse información adicional. No caso de que os datos sexan insuficientes ou pouco claros, non se realizará a dixitalización. Na solicitude deberá indicarse o seu destino ou uso (investigación, xenealoxía, publicación, trámites administrativos, etc.).
- Se se require copia certificada dunha acta sacramental ou doutro documento, tamén deberá indicalo.
- Todas estas solicitudes deberán estar asinadas polo solicitante e polo seu representante, se o houbese.
- A reprodución solicitada é para uso científico exclusivo do solicitante e NON IMPLICA autorización para publicar o documento requerido. Dita autorización deberá solicitarse á dirección do Arquivo.
- Todas as solicitudes, unha vez localizadas e autorizadas, deberán ser aboada-las antes da súa reprodución e posterior entrega no soporte solicitado.
- As reproducións serán realizadas exclusivamente polo Arquivo. Todas elas levarán sempre unha marca de auga sobre o documento, tanto en soporte físico como dixital.
- As copias empregaranse exclusivamente nos termos acordados na autorización; non se permitirá a obtención de novas copias nin duplicados.
- As reproducións solicitadas e autorizadas non poderán ser transferidas a outras persoas físicas ou xurídicas.
- O Arcebispado de Santiago de Compostela resérvase o dereito de propiedade sobre as imaxes, e en todos os casos decláranse os dereitos de reprodución a favor do Arcebispado, imprimindo: Copyright© Arcebispado de Santiago de Compostela – Dereitos Reservados. Prohibida a reprodución total ou parcial. Edición Autorizada nº ………
- No caso de concederse unha autorización, esta será válida para unha soa edición. Para novas edicións requirirase autorización en condicións similares.
- O autor de calquera obra que conteña reproducións de fondos do AHDS comprométese á entrega de, cando menos, dous exemplares da edición.
- O Arquivo solicita ser consultado sobre o “pé de foto” para a reprodución dos seus fondos antes da súa edición.
- O Arquivo resérvase o dereito de pedir información adicional ao solicitante e, en todo caso, de denegar a solicitude se así o considera oportuno.
- O incumprimento dos termos da autorización comportará as responsabilidades legais que correspondan.
- Para calquera outra reprodución mediante outro sistema, deberá solicitarse a oportuna autorización.
INCUMPRIMENTO DA NORMATIVA
-
O incumprimento desta normativa ou de calquera outra indicación do persoal encargado poderá implicar a retirada inmediata do acceso e a denegación de futuras consultas.
-
O causante de danos, desperfectos ou sustraccións incorrerá na responsabilidade administrativa ou xudicial correspondente.